As eleccións europeas de xuño 2009 concernen a todos os traballadores en Europa. Nun momento económico como o actual, a clase traballadora defende o valor central do traballo como o motor do desenvolvemento económico e social e como garantía de cohesión.
Os traballadores demandamos que o traballo decente, o diálogo social e a internacionalización dos dereitos sociais sexan a base dun novo modelo alternativo ao actual modelo de globalización económico que resultou ser un estrepitoso fracaso e cuxas consecuencias estamos pagando todos os traballadores.
POR UNHA EUROPA SOCIAL.
Europa adoptou máis de 60 leis sociais en beneficio dos traballadores, sobre todo en cuestións como saúde e seguridade, igualdade, transferencia de empresas, como os avances no acceso a dereitos iguais para os traballadores de empresas de traballo temporal ou o fortalecemento dos comités de empresa europeos.
O PARLAMENTO EUROPEO PODE MARCAR A DIFERENCIA.
Como así o fixo apoiando aos Sindicatos Europeos contra a Directiva Bolkestein sobre servizos ou votando en contra da Directiva da 65 horas. Polo tanto, os traballadores debemos utilizar o noso dereito democrático de votar ao mesmo tempo que lles facemos aos candidatos as seguintes reivindicacións:
1. Medidas que reforcen os dereitos dos traballadores e dos sindicatos. Demandamos unha revisión da directiva sobre o desprazamento de traballadores, co fin de restablecer os nosos dereitos fundamentais sobre a libre circulación da man de obra e os servizos.
2. Un novo pacto social na crise económica, coa plena participación dos sindicatos e dos traballadores, co obxectivo do pleno emprego, empregos de calidade, mellores salarios e mellores pensións, estados do benestar máis fortes, cotizacións máis elevadas, desenvolvemento sostible e unha forte regulación dos mercados financeiros. ¡Os traballadores non deben pagar o prezo da incompetencia dos banqueiros!
3. Unha política social europea máis forte e unha política fiscal coordinada para poñer en marcha unha Unión europea social.
4. Un acordo sobre tempo de traballo, que protexa os traballadores das longas horas de traballo, que garanta a todos os traballadores/as o dereito de poder conciliar o traballo e a vida familiar.
5. Maior protección contra a precariedade laboral. Unha mellor cobertura social é o paso cara a empregos de calidade.
6. Unha nova estratexia industrial europea baseada na innovación, a investigación e desenvolvemento, a educación e formación, e o desenvolvemento sostible. Apostamos por unha economía cun baixa proporción de carbono, penalizando cun imposto ao carbono as importacións provenientes de países industrializados que non respecten as taxas de emisión de carbono da UE.
7. Loita contra a discriminación, en particular a diferenza salarial entre homes e mulleres, garantindo que as medidas contra a crise tamén beneficien ás mulleres.
8. Mellor protección e igualdade de trato para os traballadores emigrantes e móbiles e un forte compromiso contra o racismo, o nacionalismo e a xenofobia.
9 Apoio aos Servizos Públicos e unha mellor protección estatutaria dos investimentos e dos empregos de calidade.
Os traballadores debemos apoiar opcións progresistas que defendan os nosos intereses e que loiten por unha europa social.
O 7 de xuño Vota nas eleccións europeas!
1 comentarios:
A verdade é que, aínda que algúns se atopan máis cómodos falando de avións que de paro e de dereitos sociais, os traballadores, sí que nos xogamos moito nestas eleccións europeas. O Parlamento decide e votou atrás directivas moi perxudiciais para os traballadores.
Tamén para os do sector público. Hai unha liña de actuación dos gobernos de dereitas de desmantelamento dos servizos públicos. Sen máis, hai que ler as ultimas declaracións da conselleira de sanidade da Xunta sobre os desvíos de enfermos á sanidade privada!!!
É cousa de todos! O Domingo, todos a votar, eh!!!
Publicar un comentario