miércoles, 20 de mayo de 2009

Retroceso Educativo

Unha vez coñecida a circular de instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de data 14 de maio de 2009, que se encabeza co texto: “coa finalidade de proceder a determinar o número de unidades e os POSTOS DE TRABALLO DOCENTE” dos centros de infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación, quere manifestar e dar a coñecer ó profesorado o seguinte:

1.- A circular emitida infrinxe gravemente a normativa lexislativa básica contida no Estatuto Básico do Empregado Público e na Lei de Órganos de Representación por non terse tratado na Mesa Sectorial.

2.- No apartado b) desta circular prescríbese:”Na educación primaria agruparanse nun único grupo os alumnos de distintos cursos do mesmo ciclo sempre que o número de alumnos fose inferior ou igual a 20”. Este xeito de agrupamento do alumnado de distintas idades non se recorda dende tempos pasados, pois a propia Consellería no ano 2002 xa establecía que:”Non se agruparán unidades dun mesmo ciclo de educación primaria sempre que o número de alumnos da unidade resultante sexa superior a 16”. É, polo tanto, un retroceso considerable que terá como consecuencias inmediatas o deterioro da calidade do ensino e a supresión masiva de profesorado.

3.- Sorprende desagradablemente que este equipo da Consellería de Educación inicie a súa actuación con medidas que incumpren claramente o programa electoral do propio partido do Goberno que na súa páxina 215 manifesta: “redución do número máximo de alumnos por aula, que deberá ser de 15, especialmente na educación infantil”.

Por todo isto, solicitamos e exiximos a negociación dos criterios de agrupamento do alumnado de infantil e primaria, así como, a retirada e anulación desta circular. Ademais, anunciamos medidas sindicais de presión adecuadas para a consecución de dita negociación e retirada destas instrucións.

lunes, 18 de mayo de 2009

Incoherencias

A polémica suscitada polo novo goberno da Xunta de Galicia sobre o galego no ensino está dando lugar a un debate latente no que algunha organización está amosando un grao de incoherencia e falta de seriedade considerables.

Estámonos a referir ás resolucións aprobadas na distintas Xuntas de Persoal Docente das catro provincias galegas. Como pode comprobarse a información que fai a CIG-Ensino na súa web refírese á resolución da Xunta de Persoal de Pontevedra e Coruña. Nestas dúas xuntas apróbase por maioría a que presenta esta organización. Pero nas Xuntas de Persoal de Ourense e Lugo apróbase, cos votos da propia CIG-Ensino unha resolución que a esta organización non lle interesa dar a coñecer.

As resolucións aprobadas polas Xuntas de Persoal de Ourense e Lugo están á disposición do profesorado na web de FETE-UGT/Galicia e foron apoiadas por CCOO, FETE-UGT, STEG e CIG. En calquera caso o texto, que se presenta nas catro xuntas de persoal é o que segue:

A Xunta de Persoal Docente de ensino Non Universitario da provincia de ................................... manifesta:
1. O compromiso inequívoco coa Normalización do Galego no ensino, nese senso reclamamos o mantemento do Decreto 124/2007.

2. A esixencia de que calquera modificación sobre a normativa que regula a implantación do galego no sistema educativo, agora ou no futuro, debe facerse cun amplo consenso da cidadanía e dos seus representantes políticos e sociais. Por iso rexeitamos a proposta de derrogación unilateral do Decreto 124/2007 anunciada polo goberno da Xunta de Galicia.

É moi conveniente que o profesorado saiba e se entere das incoherencias interesadas que a CIG-Ensino practica. Pois alí onde a súa proposta resulta máis votada, trata de “vender” interesadamente esta ó profesorado. Alí onde a súa proposta non resulta aprobada pero é aprobada outra proposta doutras organizacións, incluso co apoio da propia CIG, entonces, non interesa que o profesorado se entere.