Estes días atopámonos coa nova de que a Consellería de Educación vai contratar profesorado xubilado estranxeiro como auxiliares de conversación nos centros plurilingües e seccións bilingües para os institutos e colexios do territorio rural. A Federación de Traballadores do Ensino da UGT de A Coruña, que non estivo de acordo coa promulgación da orde de implantación de centros plurilingües que estableceu a Consellería de Educación, quere manifestar o seu rexeitamento máis absoluto a esta iniciativa, que se presenta cos centros escolares en período de vacacións e polo tanto cos seus órganos colexiados(consello escolar e claustro do profesorado) inoperativos, polos seguintes motivos:
-En primeiro lugar, deixar claro que non estamos en contra da mellora da formación en linguas estranxeiras, nomeadamente da lingua inglesa, para o alumnado galego, antes ó contrario cremos que a competencia nesta lingua é fundamental para o desenvolvemento persoal e o tránsito laboral do alumnado.
-Cómpre un plan de formación específico do profesorado que concrete con orzamento e horario lectivo a eficacia do mesmo.
-A implantación da impartición de materias en lingua inglesa nas ensinanzas básicas debe facerse de xeito progresivo, para conseguir que non se discrimine ó alumnado, especificamente a aqueles que presentan necesidade de apoio educativo. Esta discriminación negativa dunha parte do alumnado podería dar lugar ó fracaso do programa.
-Estamos conformes coa incorporación de auxiliares de conversación no proxecto e ademais xa manifestamos que se deberían respectar os seus dereitos como becarios e as súas retribucións, que non foron respectadas en meses pasados, pois sufriron considerables retrasos no cobro das mesmas.
-Nembargantes en termos laborais e sindicais é absolutamente impresentable que cando se pretende alonxar a idade de xubilación dos traballadores e traballadoras, se pretenda contratar profesorado xubilado.
-FETE-UGT esixe á Consellería de Educación que rectifique e na implantación dos centros plurilingües, coide a formación lingüística do alumnado galego de xeito coherente e poñendo os medios persoais e materiais necesarios para evitar o fracaso do sistema.
-Asi mesmo consideramos que o persoal para desempeñar funcións de auxiliares de conversación, nativo ou non, debe ser persoal becario ou profesorado en idade laboral activa.