I XORNADAS DE EDUCACION PARA A IGUALDADE.
Escola, Universidade e Empresa como espazos de construción da igualdade e deconstrución dos teitos de cristal.
A Secretaría de Xuventude de UGT-Coruña e a Asociación de estudantes IESGA, coa colaboración de FETE-UGT, veñen de presentar as I Xornadas de Educación para a Igualdade, que se celebrarán no campus de Elviña da UDC. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 24 de outubro. As I Xornadas de Educación para a Igualdade están dirixidas a estudantes da UDC, mestres e mestras, persoal investigador e traballadores/as en xeral, interesados en formarse e compartir experiencias en temas de igualdade, coeducación e corresponsabilidade. Durante as sesións presentaranse, así mesmo, os resultados dun estudo elaborado por UGT-Coruña, sobre a participación sociolaboral da muller na comarca da Coruña.
Ao longo das xornadas –que se celebrarán as tardes dos días 29 e 30 de outubro, e 4 e 5 de novembro, en distintas facultades do Campus de Elviña- abordarase a educación para igualdade como temática transversal nos centros educativos; a igualdade de oportunidades no ámbito laboral e profesional (na empresa privada e na universidade pública) a problemática dos teitos de Cristal e, finalmente, a participación das mulleres no espazo político. Nestas Xornadas tratamos de combinar o formato de conferencia co de mesa redonda, co fin de que exista un intercambio de experiencias, entre as/os propios ponentes e, especialmente, abrindo canles de diálogo co público asistente (ao que tamén considerarmos "experto" na materia) para, finalmente, extraer unhas conclusións sobre o estado da situación e as propostas de actuación que, no futuro, debemos poñer en práctica.
A Asistencia ás I Xornadas de Educación Para a Igualdade é gratuita, previa solicitude de inscrición (as prazas son limitadas).
Solicitouse á UDC a concesión de 1 Crédito de Libre Configuración.
Para a formulación da inscrición e acadar máis información podedes enviar un correo electrónico a xuventude@ugtcoruna.es ou iesga@iesga.es
0 comentarios:
Publicar un comentario