miércoles, 20 de mayo de 2009

Retroceso Educativo

Unha vez coñecida a circular de instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de data 14 de maio de 2009, que se encabeza co texto: “coa finalidade de proceder a determinar o número de unidades e os POSTOS DE TRABALLO DOCENTE” dos centros de infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación, quere manifestar e dar a coñecer ó profesorado o seguinte:

1.- A circular emitida infrinxe gravemente a normativa lexislativa básica contida no Estatuto Básico do Empregado Público e na Lei de Órganos de Representación por non terse tratado na Mesa Sectorial.

2.- No apartado b) desta circular prescríbese:”Na educación primaria agruparanse nun único grupo os alumnos de distintos cursos do mesmo ciclo sempre que o número de alumnos fose inferior ou igual a 20”. Este xeito de agrupamento do alumnado de distintas idades non se recorda dende tempos pasados, pois a propia Consellería no ano 2002 xa establecía que:”Non se agruparán unidades dun mesmo ciclo de educación primaria sempre que o número de alumnos da unidade resultante sexa superior a 16”. É, polo tanto, un retroceso considerable que terá como consecuencias inmediatas o deterioro da calidade do ensino e a supresión masiva de profesorado.

3.- Sorprende desagradablemente que este equipo da Consellería de Educación inicie a súa actuación con medidas que incumpren claramente o programa electoral do propio partido do Goberno que na súa páxina 215 manifesta: “redución do número máximo de alumnos por aula, que deberá ser de 15, especialmente na educación infantil”.

Por todo isto, solicitamos e exiximos a negociación dos criterios de agrupamento do alumnado de infantil e primaria, así como, a retirada e anulación desta circular. Ademais, anunciamos medidas sindicais de presión adecuadas para a consecución de dita negociación e retirada destas instrucións.

0 comentarios: